O Concello de Baleira situase no Este da provincia de Lugo. Limita ó Norte co Concello de Pol e Ribeira de Piquín, ó Leste con A Fonsagrada e Navia de Suarna, polo Sur linda con Becerreá e Baralla, e polo Oeste con Pol e Castroverde.
Baleira, cunha extensión de 168 quilómetros cadrados, conta con 1729 habitantes distribuidos en 12 parroquias. Ubicado na Comarca da Fonsagrada, dista 32 quilómetros da capital provincial, ocupando unha posición intermedia entre a meseta lucense e as montañas das Serras Orientais.
En Baleira o relevo é montañoso e accidentado, sendo a altitude media de 682 m, se ben pode alcanza-los 1000 m nas serras máis elevadas, O Mirador, A Vaqueriza e Puñago, límite cos concellos de Pol e Castroverde, o que provoca un contraste marcado entre as serras altas e os vales que integran as terras de Baleira.
Polo que se refire á hidrografía, o municipio é un punto de diverxencia de augas, xa que aí está o nacemento dos ríos Eo e Neira. O Río Neira comenza a súa andadura no lugar de A Fontaneira e o Eo en Fonteo. En ámbolos dous lugares existe unha área de recreo para comenmorar o nacemento destes importantes ríos. Afluentes destes ríos son O Muíña, Cubilledo, Córneas, Pousada e Martín.
En canto ás características climáticas, a situación interior e, sobre todo, a altitude condicionan a influencia oceánica. Así, a temperatura media é baixa , tratándose dun clima frío , dada a súa altitude e situación interior, con numerosas precipitacións, sendo frecuentes en forma de neve no inverno, dando lugar a un clima de montaña. O outono é a estación máis chuviosa, seguida do inverno. As temperaturas medias oscilan entre os 8º e 10º.

Aínda
que houbo repoboacións, nas serras orientais, a vexetación
natural está bastante ben conservada, sobresaíndo o espazo
natural protexido da Fraga da Marronda. A principal vía de
comunicacións e a C-630 que une A Fonsagrada con Lugo, con
acceso directo dende a A-6 Madrid-A Coruña. Outras vías alternativas
que conducen a Baleira son a N-VI en Baralla pola LU-710;
ou dende Asturias ou a costa norte pola N-640 desviándonos
en Meira para toma-la estrada local LU-750. A actividade
maioritaria é a agraria, adicándose o 64% da poboación activa á agricultura.
Nesta zona, eminentemente rural, o sector agrario é a base
da economía.
A actividade fundamental é a gandaría, centrada principalmente
no gando vacún, con explotacións adicadas á producción de
leite e carne. A cabana gandeira completase co gando porcino,
e en menor medida co ovino e caprino, adicado básicamente ó consumo
familiar.
Outra fonte de ingresos maniféstase no aproveitamento dos recursos forestais, baseados na explotación da madeira de pino.
O sector servizos ocupa un 31% da poboación, centrado nas actividades comerciais e de servizos na capitalidade do municipio, principalmente establecementos de restauración e pequenos comercios. O porcentaxe de poboación adicado ó sector industrial é dun 5%.